martes, 16 de abril de 2013

PROBAS LIBRES PARA OBTER O TÍTULO DE TÉCNICO DE FP


Esta orde ten por obxecto regular as probas libres para a obtención dos títulos de técnico e de técnico superior de formación profesional na Comunidade Autónoma de Galicia.

A oferta de probas libres estará vinculada á oferta existente nos centros públicos no réxime ordinario, no réxime para as persoas adultas na modalidade presencial e no réxime para as persoas adultas na modalidade a distancia. Realizarase unha convocatoria anual de probas libres para a obtención de títulos de formación profesional, en todos os centros públicos, dos ciclos formativos de formación profesional que teñan autorizados, naqueles módulos profesionais que conten con alumnado matriculado no curso académico correspondente.

Poderán ser obxecto de avaliación na devandita convocatoria todos os módulos profesionais dos ciclos formativos autorizados, agás os módulos profesionais de formación en centros de traballo (FCT) e de proxecto.

As probas realizaranse no mes de xuño, co fin de lles posibilitar ás persoas aspirantes a participación no proceso de admisión de ciclos formativos do seguinte curso académico. Con carácter xeral, o prazo de presentación de solicitudes será durante os derradeiros dez días hábiles do mes de abril.

REQUISITOS:
  • Ter dezaoito anos, para os títulos de técnico. Dispór do título da ESO ou a proba de acceso a ciclo medio aprobada.
  • Ter vinte anos, para os títulos de técnico superior e dispór de título de Bacharelato ou proba de acceso a ciclo superior aprobada, ou ben ter dezanove anos, no caso de posuír xa o título de técnico.
  • As persoas que cumprindo o requisito da idade, acrediten ter superadas totalmente as probas de acceso á universidade para maiores de vinte e cinco anos.
  • Malia o anterior, coa finalidade de facilitar a formación permanente, a integración social e a inclusión de persoas e de grupos desfavorecidos no mercado de traballo, se houber vacantes logo de resolto o proceso de admisión , poderán acceder á realización das probas dos módulos profesionais asociados a unidades de competencia do Catálogo nacional de cualificacións profesionais as persoas adultas que, sen cumprir as condicións de acceso, teñan acreditada unha experiencia laboral equivalente ao traballo a tempo completo de dous anos nunha actividade laboral directamente relacionada co sector profesional do ciclo formativo correspondente.
  • Con carácter xeral, non estar matriculado/a en ciclos formativos de formación profesional nin ter causado baixa no correspondente curso académico.
  • Non estar en posesión dun título de formación profesional declarado equivalente ao correspondente título de formación profesional.
O prazo de presentación de solicitudes de admisión é do 19 ao 30 de abril, ata as 13:00.

MÁIS INFORMACIÓN SOBRE AS PROBAS E FORMULARIOS DE INSCRICIÓN

O NOSO CENTRO REALIZARÁ AS PROBAS PARA A OBTENCIÓN DOS TÍTULOS DE:
  • TÉCNICO EN XESTIÓN ADMINISTRATIVA.
  • TÉCNICO EN SOLDADURA E CALDEIRARÍA.
  • TÉCNICO SUPERIOR EN CONSTRUCIÓNS METÁLICAS.

No hay comentarios:

Publicar un comentario