lunes, 11 de abril de 2011

FP IDEA



A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria vén de convocar por segunda vez o concurso FP Idea, polo que premiará os mellores proxectos empresariais e as ideas mais innovadoras do alumnado de ciclos de grao superior sostidos con fondos públicos, nos centros de formación profesional de Galicia.

Esta actuación, enmárcase no Plan de Emprendemento no Sistema Educativo de Galicia “Eduemprende”, en aras de mellorar a autonomía emprendedora, persoal e profesional do alumnado e potenciar o desenvolvemento de proxectos empresariais e liñas de negocio innovadoras, favorecendo deste xeito a empresarialidade. Así mesmo, procúrase a melllora na capacitación en materia de emprendemento, do profesorado que apoie a alumnos e alumnas no desenvolvemento dos seus traballos, que poderán participar no curso específico de formación impartido por BIC-Galicia a ditos efectos.

O alumnado poderá participar na modalidade A, de proxecto de empresa, ou na B, pola que terán que presentar unha idea innovadora para o desenvolvemento de proxectos nas áreas do Medio rural ou marítimo, eido ambiental, Tecnoloxías da información e da comunicación (TIC), ámbito industrial, sector de servizos ou pequeno comercio.

A convocatoria vai dirixida ao alumnado, e ao profesorado asociado a este, que estea matriculado no derradeiro curso dun ciclo formativo de formación profesional de grao superior sostido con fondos públicos de Galicia. A participación terá que ser en grupo, formado por un mínimo de dúas alumnos e un máximo de catro.

O prazo para a inscrición e presentación dos traballos en calquera das dúas modalidades estará aberto ata o 13 de maio de 2011.

No enderezo http://www.edu.xunta.es/fp/fpplus/idea.html pódense atopar os modelos da documentación a aportar, así como a información e orientacións correspondentes.

No hay comentarios:

Publicar un comentario